“Sexamos galegos, home!”, por Alberto Carballeira

E aquí vai outra reflexión do noso alumno de prácticas, que por certo é de Burela. O comezo semella un anuncio de certa cadea de alimentación…, pero non o é. Agardamos que vos guste este novo post!

 

De seguro non é só cousa miña, pero o outro día, lendo un xornal, penséi: por que o fago?. Por que diaño lle digo á típica camareira “muchas gracias”; ou mesmo a un compañeiro de equipo “bien jugado”.

A verdade e que non sei o motivo, pero un “moitas gracias” (perdoade, pero é que medrei co “gracias”, non co moderno “grazas”) ou un “ben xogado” son só algúns exemplos do meu día a día.

A nova do xornal dicía que, entre os anos 2003 e 2008, a suma dos galegos que usabamos a lingua galega normalmente ou mesmo máis que o castelán baixara máis dun 8%.

Pero non quedaba ahí a cousa: no caso dos máis pequenos é aínda peor, xa que entre os 5 e os 14 anos de idade o 65% dos rapaces son é castelánfalantes.

Pois ben, o meu sobriño aínda non está nesa idade, pero será un dos que invirtan a tendencia, falará galego, coma seu pai, coma seu avó, coma seu bisavó.

Si, somos galegos, pero además de selo hai que exercer como tales. Temos unha lingua ben bonita, fálaa, compártea.

Por certo, a miña mestra de galego do instituto ficará leda.

  

#Sexamosgalegos

Comparte este post

Shopping Cart
Scroll to Top