
O novo tomo da serie Economía baixo o título “Galicia e a súa inserción exterior” aborda, entre outros aspectos, a situación e evolución de Galicia desde a incorporación de España á UE, como influíron e inflúen os programas europeos no desenvolvemento económico da comunidade galega ou a importacia da internacionalización como clave de competitividade.
O volume complétase cun extenso capítulo sobre Galicia ante a actual recesión, no que entre outras moitas cousas nos permite comprender, a través dunha minuciosa análise de diversas teorías económicas e enfoques financeiros, por que xa algúns economistas viñan advertindo desde hai anos da situación económica actual na que nos atopamos, ou a visión daqueles que a día de hoxe seguen afirmando que aínda non estamos ante unha verdadeira crise financeira.






