Ilse Losa

Ilse Losa naceu en Alemaña en 1913. A súa condición de xudía causoulle problemas no seu país, de onde a forzaron a saír. En Inglaterra tivo os seus primeiros contactos con escolas infantís e cos problemas da infancia. En 1934 refuxiouse en Portugal, onde casou, adquirindo así a nacionalidade portuguesa.
A súa valiosísima obra incluíu novelas, contos, crónicas, traballos pedagóxicos e Literatura Infantil. Colaborou en revistas e xornais alemáns e portugueses, está representada en varias antoloxías de autores portugueses e ela mesma participou na organización e tradución de antoloxías de obras portuguesas que se publicaron en Alemaña. Traduciu do alemán varios dos seus máis consagrados autores e o célebre Diario de Ana Frank. En 1984 recibiu o Gran Premio Gulbenkian, polo conxunto da súa obra de Literatura Infantil. En 1990 foron publicadas en Alemaña as súas novelas O Mundo em que Vivi (1949), Sob Céus Estranhos (1962) e o seu libro de contos Caminhos sem Destino (1991). Outras obras de Losa son Histórias Quase Esquecidas(1950), Aquí Havia uma Casa e A Flor Azul e Outras Histórias (ambos os dous de 1955), O príncipe Nabo (1962), Na Quinta das Cerejeiras (1981) e Silka (1984).
En 2019 foron publicadas por Hércules de Ediciones as traducións ao galego e español da súa novela O Mundo em que Vivi. Está considerada como unha das escritoras máis importantes da Literatura Infantil e Xuvenil portuguesa.
Faleceu no Porto en 2006.