Xesús Alonso Montero

Xesus Alonso Montero - Xesús Alonso Montero

Catedrático emérito da Universidade de Santiago, Doutor Honoris Causa pola UNED e Presidente (de 2013 a 2017) da Real Academia Galega, fai décadas que traballa sobre a obra de Antonio Machado, o seu mentor moral e intelectual desde moi mozo. Autor, entre libros e colectáneas de textos, de máis de setenta volumes, na súa obra de polígrafo destacan o ensaio, a erudición e crítica literarias, as colaboracións na prensa, os traballos de Lingüística, a Socioloxía da cultura e os estudos sociolingüísticos sobre o galego, xénero no que é pioneiro. Non debemos omitir as súas incursións nos campos da poesía, o teatro, o relato e a ficción histórica, e debemos subliñar a súa dilatada labor de conferenciante en Europa e en América.  

Dedicou libros a Rosalía de Castro, Curros Enríquez, Leiras Pulpeiro, Castelao, Otero Pedrayo, Ben-Cho-Shey, Alfredo da Igrexa, Filgueira Valverde, Luís Seoane, Ramón Piñeiro, Aníbal Otero e Ricard Salvat, ou a temas como as Letras Latinas e as galegas, os escritores marxistas de Galicia, a problemática social do idioma galego, a poesía galega dos Séculos Escuros,  os poetas galegos que cantaron ou execraron a Franco, os escritores galegos na súa relación coa guerra civil, os poetas alófonos en lingua galega. Tamén fixo incursións en Bernabé Busto, Cervantes, Unamuno, Valle-Inclán, Lorca, Miguel Hernández, Tomás Meabe, Leite de Vasconcelos, «Demófilo», Salvador Espriu.

Carrito de compra
Scroll al inicio