Máis alá da súa vertente relixiosa e humana, os elementos artísticos e paisaxísticos, así como o propio contacto cos pobos e costumes, converteron esta vella ruta nunha vía cultural, nun camiño de espiritualidade ata o corazón de Galicia e, en consecuencia, nun gran valor turístico.
Cada ruta ofrece un universo distinto con só cambiar o punto de orixe: empezar o Camiño Francés en Roncesvalles pouco ten que ver con partir desde a catedral de Sevilla e dirixirse a Santiago polo que pode ser o segundo gran camiño de peregrinación a Compostela: a Vía da Prata; ou con percorrer Portugal de Sur a Norte, ben pola costa, ben polo interior. E que dicir daqueles que cruzaban o País Vasco e Cantabria por un camiño, o Norte, tan duro coma fermoso; ou dos que utilizaban o Camiño Primitivo para visitar o Salvador da catedral de Oviedo.