O libro máis sincero e honesto de Afonso Eiré

Viernes, 01 de septiembre de 2017

Ramón Nicolás | Publicado en La Voz de Galicia (Fugas)

Un ars moriendi «para galegas e galegos de hoxe», di o antropólogo Marcial Gondar no preciso e suxestivo prólogo da novela no que recolle o espírito de A morte do meu pai aínda que non fose esta a única motivación que levou ao seu autor a escribilo. Fai una reflexión suxestiva sobre a vida e a morte e supón un dos seus inequívocos méritos.Esta proposta narrativa -tal vez a máis intensa do autor chantadino Afonso Eiré ata o de agora- non é, en puridade, diario nin crónica de vivencias persoais, nin ficción en toda a extensión do termo. Xustamente aí pode radicar a súa singularidade pois alenta nunha mestizaxe construída pola memoria e a realidade, tratada novelísticamente e recreada a través dunha corrente de consciencia que recupera discursos, diálogos e acontecementos puntuais. Todo isto é o que posibilita desvelar as claves dun adeus, recorrendo en moitas ocasións a algo que non é doado transmitir: esa «linguaxe dos sentidos, dos instintos, que fala no silencio, sen palabras», algo que nos conduce a concluír que os defuntos non os levamos na memoria, van connosco, camiñan canda nós «no noso ser». 

Eiré, nun libro a contracorrente, abraza o proceso que conduce inexorablemente ao seu pai ata a morte: un final que, desde as primeiras páxinas, desde o título da obra, xa se coñece mais e é nese camiño -eses oito días desde que o pai ingresa no hospital por un accidente doméstico ata o seu falecemento- cando se ispe unha voz narradora que ten necesidade de contar, que confesa dúbidas e conxecturas, que se asolaga polo desacougo e a sensación de desamparo, que transmite con viveza as horas de espera e as noites longas, que retrata todo o que o sentimento de orfandade deixa. Mais non só pois, ao tempo, é o pai o protagonista do libro: ese home afeito a loitar contra as adversidades e superalas e que, neses derradeiros días, acode á memoria para relatar as evocacións que ordenaron a súa vida: a Guerra Civil, cos ecos de brutalidade e solidariedade que a salferiron, a posguerra ou as vivencias persoais. 

 Un libro sincero e honesto no que é difícil non sentirse emocionado nalgunhas das súas páxinas.

Comparte este post

Carriño da compra
Scroll ao inicio