+34 981 220 585 :: [email protected]

El nombre y la obra de Antonio Machado dentro de las coordenadas del franquismo

Xesús Alonso Montero

19.90

Só o nome —o mero nome— de Antonio Machado provocaba aversión na España máis oficialista de 1940. Foi necesario que un falanxista culto, “liberal” e, entón, con moito prestixio intelectual escribise un prólogo para que se puidesen reeditar, en 1941, as Poesías completas, volume que non incluía os poemas do período bélico (elexía a Lorca, soneto a Líster)

Dispoñible

Category:

Só o nome —o mero nome— de Antonio Machado provocaba aversión na España máis oficialista de 1940. Foi necesario que un falanxista culto, “liberal” e, entón, con moito prestixio intelectual escribise un prólogo para que se puidesen reeditar, en 1941, as Poesías completas, volume que non incluía os poemas do período bélico (elexía a Lorca, soneto a Líster). Os falanxistas “liberais”, deste xeito, evitaban que a España “roxa” do exilio monopolizase un nome tan glorioso. Este libro é tamén a crónica —comentada— das homenaxes públicas organizadas en España desde 1959, celebracións en que a oposición a Franco botoulle un pulso ao Réxime. No esencial, foi o Partido Comunista o que protagonizou, na sombra ou na penumbra, esta actividade. Non escasean as prohibicións, as multas, as cargas policiais…

Antes de 1959, en 1946, hai unha homenaxe, estritamente académica, no Instituto de Vigo, un tanto enigmática. Por esas datas, certos libros de texto universitarios tiñan problemas co capítulo de Machado, moi presente, por certo, nos catones “de boas e malas lecturas”. Mentres, empezaban a chegar a España, clandestinamente, desde México e Buenos Aires os textos en verso e en prosa do escritor que tanto inquietaban ao Réxime.

Autor: Xesús Alonso Montero

Catedrático emérito da Universidade de Santiago, Doutor Honoris Causa pola UNED e Presidente (de 2013 a 2017) da Real Academia Galega, hai décadas que traballa sobre a obra de Antonio Machado, o seu mentor moral e intelectual desde moi novo. Autor, entre libros e colectáneas de textos, de máis de setenta volumes, na súa obra de polígrafo destacan o ensaio, a erudición e crítica literarias, as colaboracións na prensa, os traballos de Lingüística, a Socioloxía da cultura e os estudos sociolingüísticos sobre o galego, xénero no que é pioneiro. Non debemos omitir as súas incursións nos campos da poesía, o teatro, o relato e a ficción histórica, e debemos subliñar o seu dilatado labor de conferenciante en Europa e en América.

Dedicou libros a Rosalía de Castro, Curros Enríquez, Leiras Pulpeiro, Castelao, Otero Pedrayo, Ben-Cho-Shey, Alfredo de la Iglesia, Filgueira Valverde, Luís Seoane, Ramón Piñeiro, Aníbal Otero e Ricard Salvat, ou a temas como as Letras latinas e as galegas, os escritores marxistas de Galicia, a problemática social do idioma galego, a poesía galega dos Séculos Obscuros, os poetas galegos que cantaron ou execraron a Franco, os escritores galegos na súa relación coa guerra civil, os poetas alófonos en lingua galega. Tamén fixo incursións en Bernabé Busto, Cervantes, Unamuno, Valle-Inclán, Lorca, Miguel Hernández, Tomás Meabe, Leite de Vasconcelos, “Demófilo”, Salvador Espriu…

Descargar ficha:

ISBN:

Páxinas:

Tamaño:

Idioma:

Encadernación:

Ano de publicación:

Autor/a:

Comentarios

Aínda non hai valoracións.

So os usuarios rexistrados que compraran este produto poden deixar unha valoración.

You may also like…