+34 981 220 585 :: [email protected]

Emilia Pardo Bazán e Galicia

José María Paz Gago

24.00

Coincidindo co seu centenario (1921-2021), faise necesario reafirmar a condición galega da autora de Los Pazos de Ulloa e o seu compromiso irrenunciable coa terra que a viu nacer e que ela contribuíu a dar a coñecer en Europa e en América.

Emilia Pardo Bazán amou Galicia apaixonadamente, entregándose en corpo e alma á súa terra, con toda a forza do seu xeneroso corpo e con todos os folgos do seu espírito magnánimo. Reflectiu esa paixón polo país ao longo de toda a súa extensa obra literaria, ensaística e xornalística, universalizando as nosas grandes urbes marítimas e as pequenas vilas mariñeiras, os nosos profundos vales e fermosas rías, toda a tipoloxía humana e a morfoloxía natural, a paisaxe e a paisanaxe galegas. Prestou particular atención, como modelo do seu adiantado feminismo, á labrega galega, exemplo de muller empoderada.

Coincidindo co seu centenario (1921-2021), faise necesario reafirmar a condición galega da autora de Los Pazos de Ulloa e o seu compromiso irrenunciable coa terra que a viu nacer e que ela contribuíu a dar a coñecer en Europa e en América. Nas súas novelas e contos foi quen de converter a realidade galega do seu tempo en mito universal, como farán Rosalía e Curros, Valle, Castelao, Cela, Torrente ou Cunqueiro.
Non se cinxe só á súa cidade natal ou á veciña Sada onde tiña a súa residencia estival; a cabeza e o corazón de Emilia Pardo Bazán abranguen Galicia enteira, dende as Mariñas coruñesas ata a comarca do Ribeiro do Avia e o Miño, dende Santiago de Compostela a Celanova, as Rías Baixas e as Rías Altas. Como afirma axeitadamente Ramón Villares, nada de Galicia lle era alleo, e iso reflíctese tanto no conxunto da súa obra como na realidade da súa vida.

A escritora coruñesa participou activamente no movemento rexionalista galego, ao que fixo importantes achegas, pero o seu rexionalismo é esencialmente cultural e literario, non político. No seu pensamento, Galicia é unha terra privilexiada e diferente dentro da gran nación que é España. Chegou a recoñecer para Galicia a condición de nacionalidade, pero advirte que o protonacionalismo rexionalista pode levar ao separatismo, que ela rexeita abertamente.

Autor: José María Paz Gago

José María Paz Gago (Celanova, 1966). Catedrático de Teoría da Literatura e Literatura Comparada da Universidade da Coruña. Autor de numerosos libros e traballos sobre escritores galegos como Pardo Bazán, Valle- Inclán, Cela, Curros Enríquez e Álvaro Cunqueiro, fundou e dirixiu a revista La Tribuna. Cadernos de Estudos da Casa-Museo Emilia Pardo Bazán, da que foi presidente do seu Comité Científico. Impulsor do Instituto de Estudios Emilia Pardo Bazán, acaba de sacar á luz unha novela policial inédita da escritora coruñesa, baixo o título Los misterios de Selva (Santiago, Ézaro, 2021) e a obra ilustrada La vida contemporánea de Emilia Pardo Bazán en su tiempo y en el nuestro (A Coruña, Hércules de Ediciones, 2021).

Descargar ficha:

Autor/a:

ISBN:

Tamaño:

Páxinas:

Idioma:

Encadernación:

Ano de publicación:

Comentarios

Aínda non hai valoracións.

So os usuarios rexistrados que compraran este produto poden deixar unha valoración.

You may also like…