Sobre Nós
Carta de Francisco Rodríguez Iglesias
Presidente do Grupo Hércules Global e da Fundación que leva o seu nome
Contra finais da década dos sesenta, no contexto dunha Galicia na que os mozos se vían abocados á emigración para traballar e independizarse, a miña grande ilusión era conseguir desenvolver a miña traxectoria profesional dentro do mundo da cultura sen abandonar esta terra. Logo de residir en Madrid e no País Vasco, en 1979 conseguín este obxectivo: regresar a Galicia cun posto de certa importancia nunha grande editorial española e, como non podía ser doutro xeito, establecinme na “cidade de cristal na que ninguén é forasteiro”.
Unha vez aquí e tras a experiencia no mundo do libro, cheguei a unha conclusión sentida e meditada durante moito tempo: Galicia necesitaba un gran proxecto que reunise todo o máis importante da nosa cultura e da nosa identidade, que elevase a nosa autoestima, en definitiva, que nos fixera sentir orgullosos do que somos: Galegos. O seu título, Proxecto Galicia. Así llo trasladei á sociedade, coa intención de que nos coñecésemos mellor, nos valorásemos e defendésemos o noso con moita máis forza do que o fixeramos nunca.
Pero para poder facer realidade este soño, foi preciso crear unha empresa editorial, e así naceu Hércules de Ediciones. Daquela coidei que ese raio de luz que todas as noites se reflectía no meu despacho proveniente da Torre de Hércules levaría a nosa cultura moito máis alá de Pedrafita do Cebreiro. Concibín unha editorial como algo máis ambicioso, que debía ir máis alá e non só editar os libros que outros escribían. Aspiraba a crear cultura e por iso, vendo a necesidade que Galicia tiña de obras que abarcasen aspectos fundamentais da súa realidade, decidín que Hércules emprendese esta tarefa, coa axuda inestimable e imprescindible dos máis cualificados expertos en cada tema.
Co apoio dos máis destacados intelectuais, coa unión de todos os compañeiros de traballo, coa axuda da familia; pero sobre todo, co alento permanente do pobo galego, que se traduciu non só na subscrición ao mesmo senón no pulo para incorporar as novas series que completarán a obra, hoxe podo dicir que se ve cumprida a miña outra meta: recoller nunha obra todo o coñecemento sobre Galicia e contribuír con ela a forxar un dos alicerces básicos da nosa identidade.
Sen dúbida, é moi alentador comprobar que as grandes obras prestan un servizo esencial á sociedade e por iso quixen que non se limitaran exclusivamente a Galicia. Con esta idea naceron Hércules Astur de Ediciones, con sede en Oviedo, que aborda os mesmos obxectivos no Principado de Asturias, e Publicaciones Comunitarias, con sede central en Sevilla e cunha finalidade similar en toda Andalucía, que me fai profundamente feliz ao constatar a satisfacción e mais o cariño con que fomos recibidos por todos os andaluces. Cada un destes proxectos forman parte fundamental da miña vida: están impregnados de coñecementos, entrega total e cariño.
Conforme todas estas iniciativas se ían convertendo en realidades plenas, era necesario construír unha casa que lles dera acubillo e deste xeito naceu o Edificio Hércules. A intención é que sexa un foro permanente de cultura, un digno representante da sociedade civil galega, española e universal, desde o cal se difundan as ideas de liberdade, cultura, democracia e universalidade. E o seu primeiro froito é a Fundación Rodríguez Iglesias, que naceu para poder levar a cabo estas ideas; as súas exposicións van reflectir a creatividade e o amor á arte dos máis grandes artistas galegos contemporáneos, aos que cualifico como “os mellores dos mellores” e aos que lles estarei eternamente agradecido.
Chegar ata este punto é moito máis do que nunca imaxinara, pero agardo que sexa moito menos do que sexamos capaces de conseguir.