Doce cartas a María Victoria Moreno

Miércoles, 21 de marzo de 2018

Montse García | Publicado en La Voz de Galicia

O lobo Garimoso, ese animal bondadoso creado por María Victoria Moreno na súa primeira novela en galego, Mar adiante (1973), escríbelle agora doce cartas a súa creadora que servirán para lembrar a infancia da autora, as súas vivencias da mocidade, a súa concepción da docencia ou as súas lecturas. Deste xeito, a escritora e tradutora Ánxela Gracián articula unha biografía novelada da figura homenaxeada este ano no Día das Letras Galegas en Doce cartas a María Victoria Moreno (Hércules de Ediciones), libro que ilustra Antonio Seijas. Gracián optou por novelar, ao entender que o animal constituía a voz máis orixinal que podía achegar para facer a biografía de María Victoria Moreno. «Collo ese lobo bo como narrador porque descobre que hai unha escritora que vive en Pontevedra, que se chama María Victoria Moreno, e que nun libro dela o imaxina bo. Entón, ese lobo Garimoso decide ir ata Pontevedra, onde está a súa biblioteca, o IES Torrente Ballester, e le todo o que ela escribe e todo o que dela se escribe, que foi un pouco o que fixen eu. Emocionado por saber que alguén o soña como el quere ser, decide escribirlle doce cartas, nas que vai contando a súa vida», afirma a autora. 

Gracián -que presentou onte a publicación nun acto na librería Couceiro de Santiago, acompañada por Xesús Alonso Montero e a editora Laura Rodríguez- destaca que Moreno é moi transparente nos seus libros. «Fala dela, non se distancia demasiado dos seus personaxes. Cando les as súas obras imaxinas facilmente que lle gustaban os outonos, o mar, que adoraba os cans, que tiña unha mirada de sensibilidade cara aos marxinados, os pobres, os mendigos…», explica a escritora e tradutora lucense, que deste xeito publica a súa primeira biografía novelada. Galeguidade e docenciaAs doce cartas que lle escribe o lobo Garimoso teñen como punto de partida un feito fundamental na vida de María Victoria, que é cando comeza a traballar en Lugo en 1965, dous anos despois da súa chegada a Galicia. «O seu xefe de departamento no instituto de Lugo é Xesús Alonso Montero, co que deseguida hai un encontro. Ela conciénciase de que aquí existe unha lingua e unha cultura propia, e ponse ao servizo dela asumíndoa como tal. Ese é o primeiro capítulo, no que certifico por qué Galicia enteira decide honrala este ano pola súa galeguidade. A partir dese encontro, recúo para atrás e vou da infancia ata a morte ,novelando os acontecementos da súa vida», detalla. Tamén ten un capítulo destacado, máis aló do relato cronolóxico por décadas, o xeito no que María Victoria Moreno entendía a docencia. «Ela era a profesora que todos queriamos ter», explicou Ánxela Gracián. Esta biografía novelada remata cun aceno ao Quixote e O principiño, dous libros que tamén deixaron unha fonda pegada na homenaxeada no Día das Letras Galegas do 2018.

Gracián, que agradece a colaboración doutros autores de biografías de Moreno, di que este libro está pensado para un público a partir dos dez anos.

Comparte este post

Carrito de compra
Scroll al inicio