- Autora: Carolina Sertal
- Fecha: 19/11/2025
- Medio: Faro de Vigo
Tras o éxito de «A saga das curandeiras», a recoñecida bióloga e investigadora Marisa Castro, profesora durante máis de 30 anos na Universidade de Vigo, regresa ás librarías coa novela de ficción «Soño de liberdade», obra coa que pretende render homenaxe ás mulleres que abriron camiño baixo réxime de submisión franquista e que presentará o vindeiro venres en Vigo, en Librouro
Nun momento no que as mulleres vivían baixo lupa, tanto por parte de réxime franquista como pola sociedade, nun tempo no que lucir unha saia demasiado curta ou pantalóns era sinónimo de «indecencia», no que era utópico viaxar alén das fronteiras de España ou abrir unha conta bancaria, porque mesmo unha educación básica era para moitas apenas unha ilusión, a Marisa Castro quedoulle ben gravado o comentario que lle fixo un sacerdote cando ela estaba estudando: «E ti non podías casar mellor e ter un home na casa?», unhas palabras que dan boa conta da constante supervisión á que eran sometidas as mulleres da época.
Sen ser unha obra autobiográfica, esta é tan só unha das anécdotas persoais que a investigadora e recoñecida bióloga Marisa Castro, profesora durante máis de 30 anos na Universidade de Vigo, incorpora na que supón a súa segunda novela, «Soño de liberdade», cuxo obxectivo é reivindicar a aquelas mulleres que abriron camiño ás novas xeracións baixo o réxime de represión e submisión franquista, segundo explicou a propia autora, quen o vindeiro venres, ás 20.00 horas, presentará por primeira vez o libro en Vigo, en Librouro, onde estará acompañada de Xavier Queipo.
Deste xeito, a investigadora relata en «Soño de liberdade», publicado por Hércules de Ediciones, a vida dunha muller nada no rural galego a finais dos 40, trazando un percorrido dende o seu nacemento na época das cartillas de racionamento até a chegada da democracia, poñendo o foco na loita da protagonista para saír da submisión que asfixiaba a súa nai e a súa avoa, unha batalla que logra gañar a través do estudo e a rebeldía, acadando así a ansiada independencia. Todo un itinerario que non está exento do que dirán, da autoridade paterna, da precariedade da vida dunha nena rural na cidade e mesmo as dificultades para vivir un primeiro amor.
Marisa Castro apunta que «esta non é unha autobiografía, pero o libro si é autobiográfico na maneira de sentir. Teño 70 anos e vivín parte daquel contexto, vin como funcionaban as cousas: xente atea ía a misa e comulgaba só para que o réxime os deixara tranquilos, os sacerdotes metíanse na vidas das persoas, de feito, a min pasoume que un me recomendou deixar de estudar para casarme. O que dirán foi moi importante naquela época, especialmente para as mulleres».
En «Soño de liberdade», ademais de centrar a súa ollada nas problemáticas que afrontaban as mulleres, Marisa Castro pon o foco nas dificultades de acceso á educación, así como na realidade do rural galego da época. Neste senso, a autora sinala que «se xa na cidade era complicado ser muller, canto máis no rural. Nas segundas eleccións que houbo, eu fun presidenta da mesa e daquela vivía nun barrio de Lugo, que ías camiñandoá cidade; pois collín a listaxe e comprobei que en mulleres de máis de 40 anos o índice de analfabetismo era espeluznante, mentres que moitas outras indicaban que tiñan estudos primarios, pero que era analfabetismo tamén, porque tan só sabían debuxar o seu nome e pouco máis que sumar e restar. Aquilo asustoume tanto que me quedou marcado e quixen darlle saída nesta novela».
