- Autor: Diego G. Carballo
- Fecha: 13/06/2025
- Medio: El Correo Gallego
Un libro dos mestres e artistas Moisés Quintas e Victoria Pérez afonda nos xéneros cantados, instrumentais, bailados e danzados
Nun momento de especial celebración para a música tradicional galega, coa dedicación do Día das Letras Galegas ás cantareiras, os mestres e músicos Moisés Quintas e Victoria Pérez publican Os xéneros musicais tradicionais e populares galegos (Hércules de Ediciones, 2025). Definida pola editorial coma «unha obra esencial sobre a música tradicional galega», o libro, de case 300 páxinas, afonda nos xéneros cantados, instrumentais, bailados e danzados da nosa terra, «cun enfoque didáctico e accesible«.
Presentada en dobre formato, o texto, que clasifica e analiza os xéneros por características, contexto de interpretación e finalidade, vén acompañado dun CD inédito con 31 melodías seleccionadas de cancioneiros e outras fontes vivas, interpretadas por artistas coma Uxía, Xisco Feijóo, Tino Baz ou Juan Eiras, e inclúen as partituras.
Tanto Quintas como Pérez contan con unha grande experiencia teórica e práctica no mundo da música, sendo ambos mestres de Educación Musical, investigadores, divulgadores e participantes como músicosen varias agrupacións como Trasmundi no caso do primeiro ou Malvela no da segunda. Desa forma, o material sobre o que traballaron non lles foi alleo.
Didáctico e accesible
«Tratamos de clasificar dun xeito didáctico toda esa lírica e música popular que temos», comenta Victoria Pérez en conversa con EL CORREO GALLEGO. «Sempre o pensamos así, dende que fixemos o primeiro borrador, porque nós coma mestres sempre quixemos ter algo así nas nosas escolas. Tivemos a oportunidade de desenvolvelo agora e Hércules deunos a oportunidade de quitalo á luz. Estamos moi ilusionados».
O libro estivo máis de 20 anos «durmido» ata que foi publicado, di Moisés Quintas: «Comezamos no 2003 cunha licenza de estudos da Consellería de Educación. Déronnos catro meses pagados para desenvolvelo, porque xa daquela era un traballo que non había e nos gustaría ter. Fixémolo, entregouse e logo quedou aí, porque ás veces non se atopa o momento para publicalo. Agora Hércules comentounos a opción de facer un traballo así sobre música galega, e o primeiro que se nos ocorreu foi desenvolver este proxecto e publicalo, xa que estaba un pouco aletargado«.
A obra percorre moitos tempos da historia galega, poñendo en contexto os estilos e xéneros cos eventos de cada momento. O traballo de investigación foi longo, e implicou a lectura de moitos libros e cancioneiros por parte dos autores para facer a escolla dos elementos máis interesantes e incluílos no texto dunha forma didáctica e accesible.
Destaca a Universidade de Santiago de Compostela, que acolleu a moitos dos científicos do libro. Ata que punto foi, e é, importante para a ciencia a USC?
Entre esas fontes das que bebe Os xéneros musicais tradicionais e populares galegos podemos atopar os cancioneiros de Castro Sampedro, de Dorothé Schubarth e Antón Santamarina ou de Bal y Gay, así como tamén as propias experiencias dos autores no mundo da música, que non son poucas, e a recollida de pezas musicais de fai varias décadas.
Letra e música
Foi clave a recollida das músicas que se interpretan no CD incluído no libro, moitas delas da segunda metade do século XX, ademais das dos cancioneiros antes mencionados. Os intérpretes incluídos no disco, como Uxía, Xisco Feijóo ou Tino Baz, son músicos de ampla traxectoria no eido da música tradicional galega. «Foi unha condición indispensable que lle puxemos a Hércules», menciona Quintas sobre a inclusión do CD no libro.
Ademais de estes recoñecidos artistas, Quintas e Pérez tamén quixeron incluír aos alumnos das escolas onde dan clase, o CEIP Xosé Fernández López do Porriño e CEIP Atín Cela de Mos, respectivamente: «Hai dúas pezas, unha dos maios e outra infantil, que están interpretadas por nenos das nosas escolas, que tamén queríamos que participasen porque, dalgún xeito, forman parte das nosas vidas, e quedou moi bonito», sinala Pérez.
A estrea do libro coincide moi preto no tempo co Día das Letras Galegas 2025, que celebrou ás cantareiras, pezas clave da música popular galega. Os autores aseguran que foi unha total coincidencia: «Como o retomamos hai tres anos, non sabíamos a quen ían homenaxear. Máis adiante, cando xa o sabíamos, e tamén polos nosos traballos, forzamos un pouco para telo rematado en maio», di Quintas.
