O encoro de Belesar foi o orgullo personal de Franco e unha demostración de forza do Réxime

No libro Belesar, \”o orgullo de España”, o autor, Afonso Eiré, fai unha análise polo miúdo de como se xestou e se levou adiante o megaencoro de Belesar

O Salto de Belesar non era para Franco só o “orgullo de España”, como afirmaba emocionado no remate do seu discurso, senón o seu orgullo persoal.

Chegado o momento de inaugurar o encoro, Franco xa estaba afeito, era unha máquina de inaugurar encoros e só mudaba unhas cantas verbas se se trataba dun encoro para a rega ou para a produción de electricidade. O seu discurso cando visitaba unha vila ou unha cidade tamén era, normalmente, semellante. Como pode comprobarse, por exemplo, na súa visita de 1961 a Ourense e ao Carballiño: só mudou o nome do lugar.

Pero o discurso de Belesar, aínda que idéntico na súa extensión —un terzo de holandesa—, é moi diferente.

Pois Belesar non era un encoro “normal” das ducias que tiña xa inaugurado daquelas, nin pola súa construción, nin polo seu significado, nin pola vinculación do propio Francisco Franco coa obra.

O Salto de Belesar non era para Franco só o “orgullo de España”, como afirmaba emocionado no remate do seu discurso, senón o seu orgullo persoal.

Tampouco era só un salto, unha presa. Convertérase, daquelas, na obra industrial máis importante de Europa, a presa máis alta, a máis novidosa na súa construción, a máis monumental…, e puña de manifesto a capacidade, fortaleza e empuxe do Réxime, como se escribía por aqueles días.

E estaba para ser admirada, tanto de día coma de noite.

Froito desta concepción, non só de central hidroeléctrica, senón de proxección dun Réxime, era, por exemplo, a construción dunha fonte luminosa, Fonte das Forzas Eléctricas, que podía competir en innovación e espectáculo coas que adornaban calquera cidade española.

Deseñaran tamén unha iluminación, non só para que en todas as instalacións e estradas construídas se puidese camiñar de noite coma de día, senón para realzar todos e cada punto da obra. Mesmo uns grandes focos que, situados por debaixo dos aliviadoiros, iluminaban os nubeiros de auga nun espectáculo sen igual, enchendo o val de arcos da vella.

Moito antes de poñerse de moda a iluminación nocturna dos grandes monumentos, a presa de Belesar xa estaba iluminada artisticamente para o seu maior realce.

imagen belesar 02 - O encoro de Belesar foi o orgullo personal de Franco e unha demostración de forza do Réxime

Comparte este post

Carrito de compra
Scroll al inicio