- Fecha: 1/03/2024
- Medio: A movida
Como dar o paso a escribir libros infantís? Quizais dende o teu papel de mestra sentiches esa ‘necesidade’?
De pequena lía moito, encantábame. Ás veces pensaba no bonito que sería poder escribir contos cando eu fose maior para que outras nenas e nenos desfrutasen como o facía eu. Pero en realidade víao como un soño, como unha utopía, porque non pensaba que puidese chegar a suceder. De feito non se me pasou pola cabeza publicar ata que empecei a traballar en colexios e xurdiu a idea do meu primeiro libro, As formiguiñas filandeiras. Aí si que tiven a sensación de que quizais se podía converter nunha realidade.
Despois de ‘As formiguiñas fiandeiras’ publicas ‘Un segredo entre as nubes’. Dúas historias moi diferentes pero á vez con temas comúns como a defensa da imaxinación. Como as definirías ti?
Si, son moi diferentes, pero tamén teñen algunhas cousas en común. Sempre intento que nos meus libros haxa un certo toque de humor, do que lles fai graza aos nenos e nenas, e que dean xogo á hora de contalos en voz alta e compartilos. ‘As formiguiñas filandeiras’ é un álbum dirixido a un público máis novo pero que no fondo ten varios niveis de lectura. En cambio, ‘Un segredo entre as nubes’ está pensado para lectores autónomos e a imaxinación ten un papel moito máis importante, como comentabas. É unha historia que vai zigzagueando entre a fantasía e a realidade.
Como manter un segredo que só coñecen 26 persoas e por que dalo a coñecer agora? Xogas moito ca intriga …
Gustoume esa forma de conectar cos lectores e lectoras, contándolles esa historia tan persoal, facéndoos partícipes e creando ese vínculo que só os segredos compartidos poden crear. Hai moito de min nesa historia tan disparatada, da nena que fun e da adulta que son agora. E á adulta debeulle parecer que xa era o momento de romper co silencio e co medo ao que dirán os demais.
Despois dalgunhas presentacións en varios lugares, como está sendo a acollida? Que che comentan os nenos e nenas?
A acollida está sendo moi boa, as lectoras e lectores cóntanme que riron moito. A maioría de nenas e nenos que veñen ás presentacións xa o leron antes, pero cando hai algún que o está escoitando por primeira vez nótase, véselle na cara. Están expectantes e metidísimos na historia, con moita curiosidade por ver como vai rematar.
Algunha anécdota curiosa arredor dos teus libros? Algo que che dixesen e che fixese rir ou pensar?
Unha das cousas que máis me gusta é cando veñen familias a ensinarme como fan os seus fillos e fillas o piqui, piqui, o ruidiño que facían as formiguiñas filandeiras cando se asustaban. Desfruto moito vendo a cativos de dous anos ou tres facendo o piqui, piqui. Tamén me sorprenden moito as interpretacións que fan as persoas adultas da historia das formiguiñas: algúns dixéronme que o leran coma unha fábula feminista, outros coma unha
metáfora sobre o medo a saír á rúa despois do confinamento… E en canto a ‘Un segredo entre as nubes’, fixéronme rir moito na presentación en Pontevedra, por exemplo. O público infantil participou moito, facendo comentarios de todo tipo e meténdose moito na historia. Foi moi divertido!
O teu libro trata temas importantes pero sen moralismos. Cando decides os temas e de que forma os enfocas?
A verdade é que non son moi de planificar os temas que quero tratar. Guíome máis polas historias que se me van ocorrendo. É máis probable que escriba un conto cunha finalidade ou cun tema concreto para as miñas clases, pero cando penso en escribir para un público amplo céntrome máis na historia. Creo que na literatura infantil e xuvenil tamén ten que haber un oco para os libros sen moralismos e sen fins didácticos. As nenas e nenos tamén teñen dereito a ler polo simple pracer de divertirse e desfrutar.
“As nenas e nenos tamén teñen dereito a ler polo simple pracer de divertirse e desfrutar”
A historia ten moito encanto tamén polas ilustracións de Nuria Díaz. Podes describirnos o proceso de combinar as imaxes cos textos? Que vén antes?
Neste caso xurdiron antes os textos. Eu presenteille o proxecto á editorial Hércules e gustoulles. Eles propuxéronme que o ilustrase Nuria Díaz, e eu aceptei encantada. Tivémolo moi claro desde o primeiro momento e as ilustracións son fantásticas, moi máxicas. Estoulle moi agradecida a Nuria porque camuflou nos debuxos algúns pequenos detalles e segredos que eu lle pedira e que significaban moito para min.
Dende a túa experiencia, como acollen os máis pequenos e pequenas a lectura?
Moitas persoas din que na infancia adoita lerse pero que despois perdemos o hábito… Hai moitas cousas que facemos de pequenos que nos fan desfrutar e que co paso dos anos imos deixando atrás, e en moitos casos ler é unha delas. En xeral a rapazada afronta a lectura con ilusión. Hoxe en día hai moitísimas familias que len cos fillos e fillas cada noite, e para a rapazada é un momento especial. Iso anímaos a aprender. Ao principio resúltalles complicado ler de xeito autónomo polas dificultades que implica o propio proceso, pero hai un momento no que engalan e resulta case máxico ver esa melloría.
Seguindo con esas dúas facetas túas, que é necesario para fomentar a lectura? Que libros son os teus favoritos para iniciar aos máis pequenos e pequenas neste mundo?
Creo que agora mesmo se está facendo bastante ben en canto ao fomento da lectura: temos unhas bibliotecas escolares que funcionan de marabilla, unhas bibliotecas públicas que en moitos lugares empezan a pensar na rapazada, libros para todos os gustos, textos e ilustracións moi coidadas, actividades de animación divertidísimas, xente que comenta libros nas redes sociais, libreiros e libreiras que saben recomendar boas lecturas, familias
concienciadas, mestras e mestres que animan a desfrutar lendo… O que pode faltar é que os nenos e nenas nos vexan ás persoas adultas con libros nas mans máis a miúdo. En canto aos libros para iniciar ás pequenas e pequenos na lectura, eu creo que hai dous factores importantes. O primeiro é ofrecerlles textos que sexan quen de comprender ou ler, especialmente nos primeiros tempos. O segundo é saber adaptarse aos gustos e intereses de
cada lector e lectora. O humor e o inesperado para min son dous elementos que adoitan funcionar moi ben e que sempre busco cando procuro un libro para un neno ou nena.
“O humor e o inesperado para min son dous elementos que adoitan funcionar moi ben entre a rapazada”
Cónstame que tamén estás tentando iniciar algún proxecto para persoas adultas. Como vai a escrita? De que forma a encaras, sobre todo despois de escribir anteriormente para público miúdo?
Si, teño algún proxecto en mente tamén para público adulto. De momento vai avanzando pouquiño a pouco. Tómoo coa mesma filosofía que cando escribo para a cativada: fágoo porque me gusta e desfruto do proceso. Cada público ten os seus retos e as súas complicacións á hora de confeccionar historias, pero a verdade é que non me custa moito cambiar dun rexistro ou un código ao outro.
Podes falarnos da túa participación no obradoiro de escrita da Fundación Euseino? Estache a axudar no proceso? Recomendarías a experiencia?
Si, levo máis de un ano no Club de escritura da Fundación Euseino? e a experiencia está sendo moi enriquecedora realmente. Xosé Monteagudo é quen dirixe o club e quen nos guía cos nosos proxectos. Unha vez por mes reunímonos na fundación para comentar os textos de todas as compañeiras e compañeiros. Hai proxectos moi interesantes que teño moitas ganas de ver publicados porque para min son como sobriños aos que vou vendo medrar e madurar mes a mes. Ademais, o club permitiume coñecer a persoas ás que admiro e que me aportan moito. Para min é moi inspirador e moi motivador aprender de todos eles, recomendaría a experiencia sen dubidalo.
Non quixera esquecer esa faceta túa como xornalista. Que che achegou a experiencia en varios medios de comunicación á hora de escribir?
É moi distinto escribir textos literarios e xornalísticos. Tamén cambia moito o contexto: non é o mesmo estar na casa tranquila e en silencio que nunha redacción cando falta unha hora do peche da edición. Penso que o que me queda dos meus anos de xornalista é a busca da precisión na narración (sobre todo a nivel lingüístico) e un pouco menos de medo á folla en branco, algo que agradezo moito.
Aínda co segredo na nosa mente, cal será o próximo libro que leremos de Victoria García?
Agora mesmo teño algúns proxectos case rematados e outros a medio empezar, pero non sei cal deles podería ser o seguinte en ver a luz.
Tensi Gesteira (@lecturafilia)
Crítica literaria
Sección patrocinada por Deleite