“O libro pensouse para nenos pero tamén se interesan os adultos”

  • Autor: Charo Barba
  • Fecha: 28/03/2023
  • Medio: El Correo Gallego

‘Estrelas Galegas da Ciencia’ esta destinado aos nenos ou para todos os públicos?

(Manuel Vicente) Penso que a calquera neno ou nena a partir dos 10 anos lle pode resultar interesante e atractivo. Pero tamén vaille gustar aos adultos. O libro está escrito para que non sexa necesario ter coñecementos previos, pero sen infantilizar ao lector. Elena Vázquez Cendón, a decana de Matemáticas da USC, opina que Estrelas Galegas das Ciencia vai ser do agrado tamén das persoas maiores ás que nunca se lle explicou a ciencia que fixeron os seus paisanos.

(Maite Vence) Nun principio fíxose pensando nun público infanto-xuvenil, mais agora estamos vendo que é tamén o público máis adulto o interesado. En realidade, ao ser unha mestura de ficción e biografía, calquera persoa pode atopalo ameno e útil para descubrir cousas curiosas. A idea inicial era que os nenos e adolescentes puideran descubrir unha parte da nosa historia da ciencia dende os séculos XVIII ate o XX, e que non adoita saír nos libros de texto.

Non é moi habitual un libro con ilustracións e divertido sobre científicos, adoitan ser máis sisudos…

(Vicente) Dalgúns persoeiros que tratamos no libro hai abondosa documentación, doutros case ningunha. O noso achegamento quere contar non só os fitos científicos senón tamén como era a vida e as circunstancias de cada investigador. Por iso, ao principio de cada capítulo recreamos unhas escenas dialogadas nas que transmitimos as emocións, dilemas e retos aos que se enfrontaron os nosos protagonistas. A construción destas escenas foi a parte máis divertida da escritura do libro. Por outro lado, as ilustracións de Clara Cerviño son fermosas ao tempo que achegan moitos detalles curiosos para o lector atento.

(Vence)A divulgación que se fai hoxe en día é moi amena, e tamén de lectura divertida, en moitos casos. Como cada vez se lle dá máis importancia o labor de divulgar, pois tamén hai máis innovación na forma de facelo. As persoas queremos entender como funciona o mundo no que vivimos, e para iso a Ciencia e a súa comunicación son moi fundamentais.

Por que decidistes dedicarvos á divulgación?

(Vicente) Eu empecei logo de rematar a miña tese e facer un máster de comunicación científica en Barcelona. A chispa da divulgación prendeu en min cando fun monitor científico da exposición A noite está barrida da terra, que dirixiu o catedrático de química inorgánica Manuel Bermejo. Unha exposición dedicada a Antonio Casares, curiosamente un dos persoeiros do libro.

(Vence) Eu levo anos adicada á divulgación e ao turismo científico. Foi a raíz dun proxecto en Observer, que xurdiu a idea e a posibilidade de facer este libro. Adícome á divulgación porque é un campo de traballo moi interesante e variado, no que aprendo cada día.

Como elixistes os persoeiros? Algúns coñécense un pouquiño máis desde a pandemia, como Isabel Zendal, ou desde un tráxico suceso no que o buque oceanográfico ‘Ángeles Alvariño’ axudou, pero os outros non chegan tanto ao gran público.

(Vicente) Quedaron moitos persoeiros no tinteiro que darían para uns cantos libros máis. Tivemos en conta criterios como a relevancia das súas contribucións e a presenza das científicas, pero sobre todo o de poder contar pequenas e grandes historias. Tamén, confeso, tivo certo peso a nosa admiracións persoal por algúns autores. Este é o caso do pouco coñecido, polo de agora, Fernando Fraga, o oceanógrafo químico que explicou como funcionan os ecosistemas das rías galegas.

(Vence) Non foi doado, porque hai moitos máis dos que aparecen no libro, porén, por unha cuestión de extensión tivemos que elixir. Esta só é unha pequena escolma necesaria, pois algúns, aínda que son bastante coñecidos, moitas veces as súas achegas, descubrimentos ou invencións non o son tanto. Noutros casos pasa á inversa. O que si está claro, é que todos eles foron verdadeiros xenios, pois sendo naquelas épocas Galicia un lugar moi pouco propicio para facer ciencia e estar á vangarda, eles e elas foron capaces de destacar a nivel internacional, nacendo e vivindo, a maioría deles, hai dous séculos en zonas rurais.

Destaca a Universidade de Santiago de Compostela, que acolleu a moitos dos científicos do libro. Ata que punto foi, e é, importante para a ciencia a USC?

(Vicente) A USC é o denominador común de moitas das historias que contamos. Inicialmente o peso das carreiras científicas foi pequeno en comparación coas humanidades. No primeiro terzo do século XX a USC chegou acadar, en palabras de Ricardo Gurriarán, un efémero esplendor que non recuperaría ata décadas despois da Guerra Civil.

(Vence) A Universidade de Santiago é unha peza clave, pois case todos eles nalgún momento das súas vidas tiveron relación con ela, pois é unha universidade centenaria. Moitos dos persoei’ros que recollemos no libro foron alumnos, e máis tarde profesores, reitores, e mesmo promotores de facultades… Outros, aínda que tiveron que emigrar para continuar as súas investigacións, sempre mantiveron algún tipo de nexo coa USC.

PRESENTACIÓN HOXE

‘Estrelas Galegas da Ciencia’, editado por Hércules de Ediciones, preséntase hoxe martes, 28 de marzo, ás 19.30 horas, na libraría Couceiro de Santiago de Compostela, nun acto que contará coa presenza de Maite Vence e Manuel Vicente, autores; Elena Vázquez Cendón, decana da Facultade de Matemáticas da USC, e Laura Rodríguez Herrera, da editorial.

Comparte este post

Carrito de compra
Scroll al inicio