A Fundación María José Jove e Hércules de Ediciones convocan o I Premio Asubío de Novela Infancia e Mocidade pola inclusión

A Fundación María José Jove e Hércules de Ediciones convocan o I Premio Asubío de Novela Infancia e Mocidade pola inclusión

  • O certame está aberto a autores de calquera nacionalidade ou residencia, maiores de idade, cunha obra literaria escrita en castelán ou galego
  • Trátase dunha iniciativa novidosa que aposta pola literatura como vía de inclusión
  • Formulario de inscrición e bases en fundacionmariajosejove.org

A Coruña, 15 de abril de 2021.- A Fundación María José Jove e a editorial Hércules de Ediciones convocan o I Premio  Asubío de Novela FMJJ Infancia e Mocidade pola Inclusión. Dotado con 10.000 euros mais a publicación da novela, ten como obxectivo promover a creación de obras literarias que fomenten a inclusión social. Así mesmo, ambas as entidades queren con este premio apoiar ao sector cultural, en particular aos escritores, nun momento tan complexo como o actual, marcado pola pandemia.

O certame foi presentado esta mañá en rolda de prensa por Felipa Jove, presidenta da Fundación María José Jove, e Laura Rodríguez, directora de Hércules de Ediciones, acompañadas de Valentín García Gómez, secretario  xeral de Política Lingüística da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, e de Espido Freire, membro do xurado.

Para  Felipa Jove “este certame reúne dúas prioridades da Fundación María José Jove: por unha banda, a promoción da inclusión, neste caso, a través da literatura cos máis novos como obxectivo e, por outro, apoia a creación artística”.

A convocatoria, que terá carácter bienal, está aberta desde hoxe e ata o 30 de setembro e poden participar autores de calquera nacionalidade ou residencia, maiores de idade, cunha obra literaria escrita en castelán ou galego. O fallo farase publico o 15 de decembro e a obra premiada publicarase e poñerase á venda en castelán e galego na colección de narrativa “Sen fronteiras” de Hércules de Ediciones no mes de maio de 2022. Hércules doará o 5% do PVP dos libros vendidos ao labor social da  FMJJ.

Ao certame, que conta coa colaboración da Xunta de Galicia, pódense presentar obras que teñan como eixo temático “a infancia ou mocidade en risco de exclusión social” (infancia e/ou mocidade actual, recordos da infancia e/ou de mocidade, novela de aprendizaxe ou memorias literarias, tanto na súa vertente real como imaxinaria), e abordando contidos como  nenos e mozos con discapacidade;  nenos e mozos en sistema de reforma ou con medidas de  reeducación;  nenos e mozos estranxeiros non  acompañados;  nenos en sistema de  protección social;  nenos e mozos nunha contorna familiar próxima con alcoholismo ou drogo dependencia, etc. Tanto as bases como o formulario de inscrición están dispoñibles desde hoxe na web www.fundacionmariajosejove.org.

Xurado

O Xurado do I Premio  Asubío de Novela FMJJ Infancia e Mocidade pola Inclusión está integrado pola escritora Espido Freire; Branca Ana Roig Rechou, profesora-investigadora AD HONOREM da Universidade de Santiago de Compostela; Armando  Requeixo, investigador, secretario científico do Centro Ramón Piñeiro; José  António Gomes, escritor e profesor universitario. É natural de Gaia, e vive no Porto; Miguel Conde-Lobato, director creativo, produtor e realizador de cinema publicitario; Felipa Jove Santos, presidenta da Fundación María José Jove, e Laura Rodríguez Herrera, directora de Hércules de Ediciones.

Comparte este post

Carrito de compra
Scroll al inicio