A Fundación Rodríguez Iglesias resalta o valor da hospitalidade no Camiño de Santiago a través dunha exposición

A mostra, que se inaugurou hoxe, está cofinanciada pola Xunta de Galicia dentro do programa O teu Xacobeo

A Fundación Rodríguez Iglesias resalta o valor da hospitalidade no Camiño de Santiago a través dunha exposición

A Coruña, 6 de xullo de 2021.- A Fundación Rodríguez Iglesias acolleu hoxe a inauguración da exposición “Os tres hospitais do mundo: a hospitalidade na construción do Camiño”, que contou coa participación da directora xeral de Turismo, Nava Castro. A mostra, que permanecerá aberta ata o 30 de setembro, está comisariada polo xornalista e fotógrafo galego José M. Salgado e cofinanciada pola Xunta de Galicia dentro do programa O teu Xacobeo. Nela ofrécese unha perspectiva da historia da hospitalidade e o seu papel clave no Camiño de Santiago dende antes da aparición do sepulcro do apóstolo en Compostela. Inclúe maquetas dalgúns dos albergues máis representativos da Rede Pública Galega.

Trátase dun paseo pola historia desde a aparición da inventio, o culto aos santos e a febre por posuír reliquias relixiosas no imperio carolinxio, que levou ao roubo e tráfico ilícito de corpos santos. Resalta tamén o nacemento da rede hospitalaria xacobea, grazas a personaxes coma Santo Domingo da Calzada ou San Juan de Ortega, ademais de monarcas, nobres e xerarquías eclesiásticas.

A mostra que alberga desde hoxe a sede da Fundación Rodríguez Iglesias explica o fenómeno da hospitalidade na peregrinación contemporánea, que ten a súa orixe nas asociacións, actores eclesiásticos e a administración galega. Esta deu forma a unha Rede Pública de Albergues que conta xa con 70 establecementos que constitúen un conxunto de edificios de valor histórico, capaz de acoller diariamente a 3.300 peregrinos.

Por outra banda, o 15 de xullo, dará comezo unha rolda de seis faladoiros con importantes personaxes relacionadas co Camiño e a súa hospitalidade. O primeiro será o xornalista e historiador galego Antón Pombo, co coloquio “A hospitalidade como signo distintivo nos camiños xacobeos de peregrinación. A acollida contemporánea nos albergues”. O día 22 de xullo será a quenda de Estefanía López, historiadora de arquitectura e profesora na UDC, con “Arquitecturas da hospitalidade nos camiños de peregrinación e a súa representación dixital”, mentres que o 29 deste mesmo mes internirá Begoña Valdomar, albergueira de Fisterra, cunha charla sobre “A hospitalidade no momento presente”.

Xa no mes de setembro están programados outros tres faladoiros, a cargo de Ildefonso de la Campa, director da S. A. De Xestión do Xacobeo; Segundo Pérez, Director do Centro Internacional da Acollida do Peregrino e Presidente de la Fundación Acogida Cristiana; e Laurie Dennet, escritora e membro da Confraternity of St. James.

Sobre José M. Salgado Mosquera

Xornalista e fotógrafo. Escribiu e ilustrou numerosos libros ao longo da súa carreira, ademais de actuar con frecuencia como comisario en distintos proxectos expositivos. Participa desde hai dúas décadas en “A Gran Obra dos Camiños de Santiago”, de Hércules de Ediciones, colección que alcanza xa os 19 volumes coa publicación inminente de “A Vía  Podiensis”. Ademais, é membro da Asociación de Xornalistas e Estudosos  do  Camiño de Santiago ( APECSA).

 

O compromiso de Hércules co Camiño de Santiago

Hércules de Ediciones, grupo editorial que canaliza a través da Fundación Rodríguez Iglesias a súa acción social, centrada nos eidos das Artes e a Cultura, está comprometida desde hai anos coa difusión do Camiño. Este compromiso está avalado, precisamente, por “A Gran Obra dos Camiños de Santiago”, considerada o estudo máis amplo, rigoroso e profundo realizado sobre as rutas xacobeas. Con ela, a editorial quixo contribuír á construción da historia viva dun itinerario que foi o verdadeiro eixo  vertebrador da personalidade e a conciencia de Europa ao longo dos seus mil douscentos anos de historia. Esta colección veu encher o baleiro existente ata o momento, xa que non había unha obra que contemplase de forma global o Camiño como a “vía de vías” que é, tratando en profundidade todos os seus aspectos e, sobre todo, abordando todos as rutas.

Despois de vinte anos de intenso traballo especializado e baixo a certeira coordinación de Segundo Vázquez Portomeñe, “A Gran Obra dos Camiños de Santiago” conta con 18 volumes, moitos deles dispoñibles en varios idiomas (castelán, galego, inglés, portugués), que recollen o Camiño Francés, a Vía da Prata, o Camiño Portugués, o Camiño Norte e o Primitivo, a ruta marítima de Arousa e a prolongación xacobea a Fisterra e Muxía. Actualmente, a editorial está a traballar xa en próximos volumes desta colección.

Ademais, tamén acaba de publicar un novo volume sobre a Vía da Prata dentro da colección “Lo mejor del Camino de Santiago”, cuxo primeiro tomo abordou o Camiño Francés, para centrarse en vindeiras entregas noutras rutas xacobeas coma o Camiño Portugués, o Camiño Norte ou o Primitivo.

Comparte este post

Leave a Comment

Your email address will not be published. Required fields are marked *

Shopping Cart
Scroll to Top
Scroll to Top