Nace a colección Púrpura, que publica en galego textos de referencia do feminismo contemporáneo

Miércoles, 11 de diciembre de 2019

G.N. | Publicado en La Voz de Galicia

A editorial Hércules quere dar a coñecer ensaios de calidade de autoras e autores de prestixio que axuden a reflexionar sobre o feminismo desde as máis variadas perspectivas

O selo coruñés Hércules pon en marcha unha nova colección, Púrpura, coa idea de levar ás librarías traducidos ao galego os textos de referencia do feminismo contemporáneo. A andaina comeza con dous títulos moi relevantes: o ensaio Os homes explícanme cousas, de Rebecca Solnit, e Mulleres e poder. Un manifesto, de Mary Beard.

Publicado nos EUA no 2014, Os homes explícanme cousas -traducido por María Fe González Fernández- é unha colección de ensaios que «se converteu nunha pedra de toque do movemento feminista», di a editora. Solnit cita a súa experiencia persoal e outros exemplos reais de como os homes mostran unha autoridade que non gañaron, mentres que as mulleres foron educadas para aceptar esa realidade sen cuestionala. No seu ensaio inicial, Solnit (San Francisco, 1961) aborda ese fenómeno bautizado como mansplaining. Nas demais pezas, entre outros asuntos, aborda o alcance da violencia contra a muller, analiza a figura da escritora británica Virginia Woolf e reflexiona sobre movementos como Yes, All Woman.

En Mulleres e poder (traducido por María Alonso Seisdedos), a coñecida erudita británica do mundo clásico Mary Beard (Much Wenlock, Shropshire, 1955), sinala a editora, presenta un manifesto revolucionario para estes tempos, que indaga o rol das mulleres no poder desde Medusa ata Angela Merkel, e presenta unha nova folla de ruta feminista. Beard explora os fundamentos culturais da misoxinia, considerando a voz pública das mulleres, as asuncións culturais sobre a relación das mulleres co poder e como as mulleres poderosas se resisten a ser encadradas en esquemas masculinos.

GD11P36F1 20822 2 - Nace a colección Púrpura, que publica en galego textos de referencia do feminismo contemporáneo

Comparte este post

Shopping Cart
Scroll to Top