“Na mili destináronme á libraría do campamento, estaba predestinado”

  • Autor: Marta Otero Mayán
  • Fecha: 23/04/2023
  • Medio:La opinion A Coruña

O editor de Hércules de Ediciones, Francisco Rodríguez Iglesias, escribe e publica ‘A miña cadeliña’, o seu primeiro libro

A historia de amor de Francisco Rodríguez Iglesias cos libros empezou na libraría da mili e culminou, polo momento, coa saída do prelo de A miña cadeliña(Mi perrita Pinta, na súa edición en castelán) o seu primeiro libro publicado. Polo medio, 50 anos dedicado en corpo e alma ao sector do libro e moitos volumes lidos. Tivo que pasar medio século entre páxinas para que o editor de Hércules de Ediciones se atrevese a dar o paso de publicar a súa primeira obra, e non foi por falta de valentía, senón por puro pragmatismo. “Estaba tan namorado do meu oficio que, simplemente, non atopaba tempo, traballaba moito. E a vida foi pasando”, conta o editor.

O resultado á larga espera foi A miña cadeliña, un conto dirixido a nenos que pasou polo filtro editorial dos lectores máis esixentes: os seus propios netos. “Deillo a ler á miña neta Antía sen dicirlle que era meu, e gustoulle. Animeime a publicalo”, conta. A ela e aos outros dous netos vai adicada unha obra sensible coa natureza e que conta a historia do avó Manu, a neta Antía e a cadeliña Pinta, que ensinarán ao lector a amar o mundo que lles arrodea.

Sabe Francisco Rodríguez que escribir para público infantil e xuvenil non é doado. Moitos son os que tenden a subestimar as súas capacidades. El, defende, non o fai. “Escribir para nenos non é fácil, máis nos tempos que corren, que en seguida lles dan o móbil os nenos para que se entreteñan. A tecnoloxía é positiva se a utilizas, pero é destrutiva se te utiliza a ti”, reflexiona o escritor.

Á hora de deseñar un conto para nenos, o editor evoca ao neno que foi. Unha infancia humilde nunha familia labrega na que ten gran pegada a figura do seu pai, un home que, lembra Rodríguez Iglesias, tiña unha preocupación: inculcar aos fillos amor e querenza pola cultura. “Meu pai tiña poucos recursos económicos, pero valoraba moito a cultura. Ensinoume a ler a carón da lareira, nos seus xeonllos. Cando empecei a escola, eu era o que máis sabía, pero non porque fose o máis intelixente, senón porque meu pai se preocupara. A primeira escola que existe está na casa”, asevera.

Co arraigo da ensinanza paterna moi presente aínda, a verdadeira conexión co mundo do libro comeza, porén, lonxe de Galicia. Foi nun campamento militar en Almería, dende cuxa librería botou moitas desas horas e levou con el algunhas leccións fundamentais. “Na mili destináronme á libraría do campamento. Parece algo intranscendente, pero a min influíume positivamente. Estaba predestinado. Os soldados do campamento ían sobre todo mercar bandas de recordo ou bonecas para mandarlle á moza, pero os que mercaban libros eran diferentes”, lembra.

Rodríguez Iglesias, libreiro por accidente (ou en acto de servizo) empezou a ler pola obriga imposta de recomendar lecturas os seus clientes, e xa nunca puido deixar de facelo. “Daquela o que lía a xente era Los cipreses creen en Dios ou Oh Jerusalem! Foi unha etapa que me marcou moito”, recoñece. “Se non cres nun libro, non o recomendes nunca”.

E despois, como adoita acontecer, a vida foi pasando. Primeiro, empregado na empresa de libros por correspondencia Discolibro, unha iniciativa homóloga ao Círculo de Lectores e unha proposta á que, asegura o editor, moito lle deben os lectores de hoxe. Ensinábanlle a amar o libro, difundían a cultura. Hai 50 anos, non lía nin o 10% da xente”, sinala.

Despois, como impulsor de Hércules de Ediciones na Coruña, Hércules Astur en Asturias ou Publicaciones Comunitarias en Andalucía. A familia, os ascensos, os netos. E agora, coa calma e a perspectiva que brinda a idade, un primeiro libro, que xa agarda por un segundo. Namentres, Francisco Rodríguez Iglesias ten claro que as mellores musas son as que beben da realidade. “Ás veces non tes que imaxinar nada, só observar. Está aí”, resume.

Comparte este post

Carrito de compra
Scroll al inicio