Galicia e Irlanda, ¿máis que curmáns?

Antonte alguén me preguntou polo “Proyecto Gaelaico”, nunha confusion que asociaba ese nome con esta editorial —e que, constato, nada ten que ver co Proxecto Galicia de Hércules, aínda que os dous teñan sonoridade semellante—.

O “Proxecto Galicia” de Hércules, ou “Proyecto Galicia” en castelán, é una obra de divulgación científica que suma os esforzos investigadores de moita xente para recoller en papel o máis senlleiro da cultura galega. 64 tomos e dúas edicións, galego e castelán, cun número de páxinas, fotografías, mapas… e, sobre todo, sinaturas, que abraia.

Pero a persona que mo preguntaba parecía ter curiosidade e, dese outro “Proyecto”, eu só sabía o que publicaban os xornais, así que comecei as pescudas e, así como quen non quere a cousa, atopei inspiración para este post.

O “Proyecto Gaelaico” defínese a si mesmo como un grupo de investigación que estuda o idioma do pobo dos gaeles (é dicir, o gaélico) e compárao co galego para demostrar que ambos pobos teñen máis en común que a simple literatura céltica. E non escatiman esforzos para poder chegar a demostralo.

O primeiro indicio, din, sería que na Declaración de Arbroath (6 de abril de 1930) afírmase que os gaeles estiveron asentados durante séculos nas Illas Británicas e mais no noroeste da Península Ibérica. Chegarían, ademais, miles de anos antes que os romanos para asentarse nas ribeiras do Eo.

O descubrimento, este pasado verán, dunha presunta inscrición en gaélico na igrexa de Santiago de Betanzos sería outra mostra máis da relación entre gaeles e galegos, que compartirían raíz lingüística, toponimia e paisaxe.

Hai pouco máis dun mes, a suposta procedencia da palabra “gaita” do vocablo gaélico gaíth, que significa ‘vento’ en irlandés antigo, ocupaba espazo nos xornáis e nas redes sociais. Aínda que esta tese poidera botar por terra a procedencia do termo “gaita” da palabra gótica “gaits” (‘cabra’), o certo é que como argumento é ben fermoso.

E, como outra mostra, inciden no nome da lingua que se fala en cada un deses lugares: gaeilge (Irlanda), gàidhlig (Escocia), gaelg (Man) e galego (Galicia). Dende logo, non serei eu quen dubide da semellanza.

Parece, pois, que a relación soñada por moitos entre Irlanda, Escocia, a Illa de Man e Galicia gaña adeptos.

Personalmente, moito me gustaría que Irlanda tivese sido realmente o nexo de unión da Europa atlántica antes que Roma. E non é que teña nada en contra dos romanos nin do latín, non: é que na mina casa sempre se tiveron lazos con ese país. De feito, hai máis de medio século, meu pai estivo sacramentado e desafiuzado alí por mor da tuberculose; por sorte, mandárono morrer á casa e aquí recuperouse, coñeceu a mina nai… e da afección pulmonar nunca máis se soubo.

Meu pai sempre tivo o soño de voltar a Castletown, pero nunca se decidíu… e cando acordou xa era tarde; así que miña irmá e máis eu teremos que facer algún día esa viaxe por el. Grazas á confusion de antonte, rexurdíu o tema na mina cabeza. E púxenme a darlle voltas ó que máis nos conviña para a nosa futura viaxe: ¿celtas ou romanas? E, definitivamente, penso que si chegamos aló coa certeza de sermos parentes lonxanos, e ademais celtas —que é moito máis exótico—, seguro que nos integramos antes… Porque aparecer en Castletown dicindo que somos galegas, á vista destas informacións, será como estar na casa. Non vai ser tan doado explicar a recuperación de meu pai…

Antes de dar nada por feito, así e todo, convén asegurarse de que a hipótese é certa —porque o das gaitas semella lóxico, pero non sei eu si a súa cervexa negra e a nosa a augardente estarán pola labor de emparentar… —. Seguirei atenta á evolución da teoría e, como non, ós feitos.

En calquera caso, e por si quedara algunha dúbida, este que vedes aquí é o PROXECTO GALICIA, e non ten nada que ver con Irlanda. Nin con meu pai.

 

estantericc81a recortadaok - Galicia e Irlanda, ¿máis que curmáns?

Comparte este post

Carriño da compra
Scroll ao inicio