Lembranza de Filgueira Valverde

\”Agradézolle á miña neta Astrid a súa axuda na corrección deste texto,
elaborado durante unha convalecencia de enfermidade que me limitou as posibilidades de traballo\”.

 

Así empezaba o que seguramente foi o último traballo que escribiu Xosé Fernando Filgueira Valverde. Postrado na cama, non quixo faltar ó seu compromiso e, case sen poder, axudouse da súa neta para poder entregar a tempo o primeiro capítulo do tomo XXIX do Proxecto Galicia, unha historia dos estudos antropolóxicos galegos titulado \”Da Antigüidade ó nacemento do Folclore\”. Tiña xa noventa anos.

Durante os últimos anos da súa vida, concretamente entre 1990 e 1996, presidiu o Consello da Cultura Galega. Foi daquelas cando se iniciou a súa relación co Proxecto Galicia, cando se uníu ao seu Consello Editorial xunto a Domingo García-Sabell, Francisco Javier Río Barja, Xosé Ramón Barreiro Fernández ou Fernando González Laxe, entre outros.

Antes fora cofundador do Seminario de Estudos Galegos, dirixira o Instituto de Estudios Gallegos \”Padre Sarmiento\”, creara o Museo de Pontevedra, fora Conselleiro de Cultura da Xunta de Galicia, vogal do Instituto da Lingua Galega, membro numerario da Real Academia Galega… E é precisamente esta última institución, a RAG, a que ven de elixilo para rendirlle homenaxe o vindeiro Día das Letras Galegas de 2015.

Daquelas reunións do Consello Editorial, lembro especialmente os silencios: os meus. Diante de tanta sabedoría, mesmo asustaba falar. Mellor, que falaran eles; eu escoitaba, e aprendía. Lembro tamén, que Filgueira non conducía: viaxaba sempre cun taxista que tiña de man, e que o agardaba mentras duraban as reunións. E non podo esquecer a elegancia da súa muller, dona Teresa, unha muller doce e, sobre todo, moi agarimosa.

reyes unido - Lembranza de Filgueira Valverde

O Consello Editorial do Proxecto Galicia foi recibido polos reis don Xoán Carlos e dona Sofía naquel sobranceiro Ano Xacobeo de 1993. Filgueira e a súa dona sobresaen mesmo nas fotos da recepción. Uns anos máis tarde, ese mesmo Consello fotografábase xunto a unha cadeira baldeira para significar o seu pasamento e rendíalle tributo cun libro: Primeiro Nadal sen Filgueira.

consello editorial - Lembranza de Filgueira Valverde

Nese libro, o entón presidente da RAG, Domingo García-Sabell, fai unha reflexión moi interesante: \”O que se dá no relato filgueiriano é o reflexo do drama constante de Galicia: a incomunicación. Somos seres pechados, recluídos nunha especie de clausura laica da que nos custa traballo, traballo e tempo, desprendernos\”. E define moi ben o carácter do seu amigo:

\”A teima filgueiriana consistía en comprender, en entender as criaturas, e o mundo no que elas se desenvolven\”.

libro filgueira - Lembranza de Filgueira Valverde

Comparte este post

Carriño da compra
Scroll ao inicio
Scroll to Top