O BNG racha cando a aperta Beiras-Fraga e non na Asemblea de Amio

«Poderes externos pretendían dividir á UPG
para “modernizar” o Bloque».

Así o conta Afonso Eiré no seu novo libro, que Hércules de Ediciones ven de publicar co título de

Eu estaba alí. Pequenas historias de Galiza:

Se se puidese datar a ruptura do BNG non sería a do 29 de xaneiro do 2012, na Asemblea que a fonte nacionalista celebra en Amio, senón o cinco de decembro do 2001.

Ese día tiña lugar no Parlamento Galego o cuarto debate de investidura de Manuel Fraga Iribarne como Presidente da Xunta e, ante a sorpresa da maioría, á vista da campaña máis dura que se lembraba entre ambos políticos, Manuel Fraga e Xosé M. Beiras chocan as mans e deciden comezar unha etapa de diálogo.

Un diálogo persoal que xa viñan mantendo cos bos oficios de Xaime Pita, o voceiro do PP na Cámara, que pasaba por ser o flaxelo dos nacionalistas.

Así que o xantar no Vilas o 9 de xaneiro do 2002 xa non era o primeiro que celebraban. Pero, ao rematar, Beiras anuncia que se “abre unha nova etapa na política galega”.

Pero non queda aí a entente, senón que o voceiro nacional do BNG afirmaría que “Fraga se sitúa nas reivindicacións do galeguismo histórico”. Aquelo foi moito para unha parte da militancia do BNG.

Beiras presenta aquel “diálogo” como algo persoal, cando era algo que lle demandara con anterioridade a dirección da fronte, negándose.

Logo viría o desastre do Prestige, a negativa de X. M. Beiras a presentar a moción de censura contra Fraga, e un xiro na política do Bloque.

Beiras propón, “ante a involución que se está a producir no Estado e en Europa, facer unha fronte común co PP e PSOE”.

No pacto con Fraga, acordan que o presidente defenderá ao BNG en Madrid ante os posíbeis intentos de ilegalización e os nacionalistas deixarán de cuestionar a lexitimidade de Fraga como Presidente e de lembrarlle o seu pasado. Tamén deixan aberta a porta para pactar algunhas alcaldías.

Pero o BNG tamén da un xiro importante na súa política e comeza a xogar plenamente dentro da Constitución, como ben defende Fraga. Beiras xustifícao publicamente afirmando que “hai que facer isto que eu estou facendo, ou hai que meterse nas trincheiras”.

Así que a UPG dicide, ante o que consideran unha deriva do voceiro nacional, após dunhas asembleas comarcais bastante crispadas, que chegou a hora de buscar un novo cabeza de cartel para as próximas eleccións autonómicas, pero sen cuestionar o papel de Beiras como voceiro nacional, para non agravar as tensións internas.

Decisión que lle comunican a Xosé Manuel Beiras antes de que este marche para as reunións do Foro de Portoalegre no Brasil.

A división e o enfrontamento que se viña producindo na dirección do BNG, colle xa un carácter que abarca a toda a organización e sae á opinión pública. Existen dous proxectos ideolóxicos diferentes que se enmascaran en temas organizativos.

portada eu estaba alicc81 650 pixels - O BNG racha cando a aperta Beiras-Fraga e non na Asemblea de Amio

Eiré explica as causas que levaron a Beiras e a Fraga a dar este xiro político.

Pero non se queda aí, relata polo miúdo, como, paralelamente a entente Beiras-Fraga, se pon en marcha unha operación para que “os inmobilistas e resistencialistas abandonen o BNG para que este poida refundarse e converterse nun partido que opere totalmente dentro do sistema”.

Unha operación na que participan empresarios e sectores culturais e políticos alleos ao BNG, cun obxectivo final: rachar a UPG.

E, aínda que ninguén se fixo eco desta operación até o de agora, Afonso Eiré afirma que, en parte, conseguiron o seu obxectivo pois abandonaron o partido marxista tres deputados e algúns concelleiros, sobre todo na Coruña e Vigo. Tamén abandonan a UPG numerosos cargos do Sindicato Labrego Galego, coa súa secretaria xeral, Lidia Senra, á cabeza. O SLG escacha e asina un acordo de integración nunha organización estatal, a COAG.

Os que deciden continuar no BNG foron os de Esquerda Nacionalista, o partido de Beiras, logo dunha votación no seu Congreso celebrado no outono do 2002.

Para non perder a memoria

O libro convértese nunha crónica implacábel dos principais feitos que se produciron na Galiza no último medio século, escrita por quen estivo presente e os viviu ou sufriu de preto. “Unha voz que relata en primeira persoa a epopea dun pobo que vai tomando conciencia de seu”.

Un libro que trae á actualidade a nosa historia para non perder a memoria.

Comparte este post

Carriño da compra
Scroll ao inicio
Scroll to Top