Martes, 10 de Marzo de 2015
Publicado en Casa de Galicia
A obra, de Hércules de Ediciones, está concibida como unha guía de viaxes por Galicia.
A delegación da Xunta en Madrid, Casa de Galicia, acolleu esta tarde a presentación do libro \”GALICIA ENTRE COPAS. Un viaje fascinante por los mejores vinos del fin del mundo\”, de Mariano Fisac, unha publicación de Hércules de Ediciones concibida como unha guía de viaxes por Galicia, que pode facerse \”con mochila e garfo, ou dende a casa, copa a copa\”.
O acto, ao que asistiron máis dun centenar de persoas, estivo presidido pola coordinadora de Actividades da Casa, Ana Rodríguez Barrena, en nome do delegado da Xunta en Madrid e director da Casa José Ramón Ónega; e nel interviñeron o viticultor e xornalista de Radio 3 Orlando Lumbreras; a editora Laura Rodríguez Herrera; o cociñeiro e prologista da obra, Pepe Solla e o autor Mariano Fisac.
Rodríguez Barrena explicou que en Galicia, terra produtora de viños dende os romanos, ata hai tres décadas o cultivo era moi sacrificado, unha \”viticultura heroica\”. Agora \”os nosos viños poden competir cos mellores do mundo\”. Ademais das cinco Denominacións de Orixe, que acollen ás principais adegas, \”Galicia é un mosaico de viños\”, pois alí onde o clima e o chan o permiten hai emparrados ou viñedos. \”Cada casa é unha adega e cada paisano un viticultor\” que produce o coñecido \”viño dá casa\”.
O xornalista Orlando Lumbreras sinalou que Fisac é \”a única persoa que podía escribir un libro tan necesario. Só dende a paixón, a entrega desinteresada, o coñecemento e a honestidade pódese crear un traballo que será, estou seguro, referente nos viños galegos e nos corazóns de todos os que amamos os libros de verdade\”.
A responsable de Hércules de Ediciones Laura Rodríguez Herrera manifestou \”o orgullo que representa para a editorial un libro como este, co que buscamos, como sempre, mostrar ao mundo o mellor que ten a nosa terra\”.
Pola súa banda, Pepe Solla, (unha estrela Michelín), resaltou que \”o viño conta historias humanas, historias de persoas que o elaboran coas súas mans, ao igual que este libro\”.
Para Mariano Fisac, \”non\” fai falta saber de viño para gozalo. Só fan falta ollos, nariz, boca e algo de tempo\”. E precisamente este é o obxectivo de \”Galicia entre copas, especialmente dedicado aos que queren apreciar e gozar o viño de forma sinxela\”. É unha guía alternativa, con textos amenos, ilustracións e fotografías realizadas ex profeso que ofrece máis de 50 adegas das cinco D.O., máis un capítulo no que caben \”outros viños\” igualmente interesantes. Para Fisac, \”o futuro dos grandes viños de España está en Galicia\”. Ademais \”é preciso simplificar a linguaxe e devolver a idea de que o viño, é un alimento máis\”.
Mariano Fisac, licenciado en Dereito, é un galego afincado en Madrid que sempre mostrou unha especial inquietude polo mundo do viño, creando en 2008 o exitoso blog Mileurismo Gourmet(www.mileurismogourmet.com)dende o que propón unha visión alcanzable e democrática da gastronomía de calidade, cun especial foco no viño. Posteriormente puxo en marcha o blog en inglés sobre viños españois Wine Gossip From Spain(www.winegossipfromspain.com)con gran repercusión especialmente dende que organiza anualmente o concurso \”Os 10 mellores viños por menos de 10 euros\”, un verdadeiro trampolín para os viños de calidade de pequenos produtores.