A pantasma colorida
No país das pantasmas, todas se esforzan por manter as súas sabas limpas e brancas. Mais unha pequena pantasma moi especial vese tentada a achegarse ás fermosas flores de cores que todas as demais miran dende lonxe con temor. Poderá resistirse a elas? Será capaz de non manchar a súa saba branca entre tantas cores?
Autora: Gema García
Nacín en Cesuras, unha fermosa aldea galega. Dedicada dende hai anos á Prevención de Riscos Laborais, mantiven sempre a ilusión por estudar educación. Con moito esforzo e traballo, rematei o Grao de Maxisterio en Educación Infantil na Universidad Internacional de la Rioja (UNIR) en outubro de 2022.
Actualmente resido en Betanzos, a miña segunda casa dende hai vinte anos. Aquí naceron os meus fillos, quen volveron espertar en min o desexo de escribir. Gústame inventar historias dende moi pequena, cando sentada xunto aos meus avós escribía en follas de almanaque reciclado. Nas aulas do colexio da miña aldea natal comecei a redactar os meus primeiros contos, algúns dos cales foron premiados nos concursos literarios escolares.
No ano 2023 por fin se fixo realidade un dos meus grandes soños: publicar un álbum infantil. Da man de Hércules de Ediciones, viu a luz A pantasma colorida, un conto que leva en cada verba escrita unha mestura de ilusión e agradecemento a todas as persoas que o fixeron posible.
Ilustradora: Rocío Pedreira
Nacín nunha acolledora aldea, Cesuras, de onde gardo algúns dos meus mellores recordos xunto ao meu avó. Durante a secundaria trasladeime a Betanzos, lugar que se converteu no meu segundo fogar. Estudei a carreira para ser mestra na Universidade da Coruña. Logo trasladeime a Madrid para realizar un mestrado en investigación literaria e teatral. Xa de volta en Galicia, formeime sobre literatura infantil e xuvenil na Universidade de Santiago de Compostela e rematei doutorándome na Universidade do Minho (Portugal), cunha tese sobre as relacións entre literatura e cinema para a infancia.
Despois de traballar de monitora, dependenta, libreira e como mestra de pedagoxía terapéutica, actualmente son docente na Facultade de Formación do Profesorado situada no campus de Lugo da Universidade de Santiago de Compostela.
Encántanme as historias, lelas, velas, escoitalas… Encántame falar do que esas historias deixaron en min, esperando que outros poidan compartir o meu entusiasmo. Debuxo porque o necesito, porque me fai feliz, porque me axuda a seguir adiante. E teño unha irmá moi tenaz que me convenceu de que podería ilustrar un libro. Co seu texto e as miñas ilustracións. Cunha parte do noso corazón nel. Así naceu A pantasma colorida, publicado por Hércules de Ediciones.
Descarga a ficha técnica de “El fantasma colorido”:
Descarga a ficha técnica de “A pantasma colorida”:
Reseñas
Aínda non hai valoracións.