Este libro amósanos o proceso da fin da vida e o inicio doutra. Fálanos do camiño natural de deixar que a vida siga o seu curso, de soltar os apegos e os recordos da memoria.
Por un lado, a mirada da meniña conéctanos coa percepción que os máis pequenos teñen dos adultos maiores, con aquela empatía e complicidade especial que senten no vínculo que manteñen con eles, e déixanos ver como a sensibilidade, sen a razón polo medio, abre unha porta de acceso ao seu mundo particular.
Por outro lado, a mirada da bisavoa, real, sincera e directa, amósanos a súa experiencia do envellecer, as perdas sucesivas que debe enfrontar ao final da vida e a esperanza sempre presente de continuar vivindo en paz, na esencia da alma infantil.
Ambas as miradas reflicten un paralelo natural entre a emocionalidade e as vivencias dos nenos e as dos adultos maiores. Insinúan como a fin da vida nos fai volver ser nenos e nos permite compartir un mundo e amor similar.
A lectura destes dous contos condúcenos dun modo humano, sensible e delicado, a conectarnos coas vivencias da nosa infancia, cargadas de afecto e de emoción, nas cales os lazos e vínculos cos nosos antepasados foron fundamentais para o noso proceso de formación como persoas.
Transmítenos ademais a mensaxe do respecto polos nosos adultos maiores, pois as historias que eles comparten connosco son tesouros postos en palabras cargadas de sentido de pertenza e de identidade. Son a base da nosa historia e representan esa parte do pasado que nos brinda pontes co presente.
Descargar ficha técnica:
Reseñas
Aínda non hai valoracións.